Monday 29 de April de 2024

O proxecto das ‘Zoquiñas vermellas’ non para: xa está listo o primeiro ingreso da iniciativa á Asociación Mirabal


Estas accións teñen especial importancia nestes momentos, debido a que durante o confinamento estanse a agravar as situacións de violencia de xénero

O proxecto das ‘Zoquiñas vermellas’ non para, e xa está listo o primeiro ingreso bancario desta iniciativa á Asociación Mirabal, desde onde axudan ás vítimas de violencia de xénero no rural galego. En total, son 785 euros.

O estado de alarma, e a consecuencia deste, a situación de confinamento, está a producir un agravamento nas situacións de violencia de xénero. Antóllase pois, fundamental que sigan en marcha iniciativas como a das ‘Zoquiñas vermellas’, que nacera de cara ao 8 de marzo.

As pezas están realizadas en olaría de Buño e os fondos recadados están destinados á Asociación Mirabal. Hoxe tivo lugar o primeiro ingreso bancario a favor da loita contra a violencia de xénero, e está previsto realizar máis ao longo de todo o estado de alarma.

Lembramos que esta acción está promovida pola Asociación Visibles, a Olaría de Buño e a concellería de Igualdade do Concello de Malpica. Todos estes entes cun eixo común, “contribuír de todos os xeitos posibles na loita contra as violencias machistas. Este era o noso primeiro obxectivo, ao que temos que sumar o contexto actual. Moitas mulleres están a sufrir confinamento nun mesmo espazo co maltratador, e temos que facer o posible para dar saída a este problema”.

As zoquiñas seguen á venta

O estado de alarma que estamos a vivir non impide que o proxecto das ‘Zoquiñas vermellas’ siga vivo. Con máis alento que nunca, faino. Estas peciñas atópanse á venta nas tres farmacias abertas no Concello de Malpica.